SPF
SPF é un sistema que informa ao mundo de que servidores están autorizados para enviar correo en nome dun dominio. Ao dar esta información, podemos evitar en gran medida que utilicen os nosos enderezos de correo para envío de spam, ou que os nosos usuarios utilicen servidores de correo non autorizados pola empresa. SPF está a ser usado polos principais provedores mundiais, incluíndo Google, Yahoo e moitos outros.
Dada a estrutura en nube do servizo TICaaS, o correo electrónico dos usuarios dentro deste sistema pode saír por distintas direccións IP. A configuración de SPF para dominios aloxados en TICaaS realízase engadindo unha entrada de tipo TXT ao dominio en cuestión. Dita entrada debe ter o seguinte formato:
Exemplo
@ IN TXT "v=spf1 include:ticaas.net -all"
Se na nosa empresa usamos algún tipo de provedor externo, ou temos un servidor interno na nosa oficina desde o que tamén pode saír o correo electrónico, debemos engadilo a esa liña. Por exemplo, se o noso servidor interno de correo electrónico sae a Internet pola dirección 80.56.34.12, a liña debería conter:
Exemplo
@ IN TXT "v=spf1 include:ticaas.net ip4:80.56.34.12 -all"
Esta configuración permitirá o envío de correos desde a IP do noso servidor e desde calquera IP da infraestrutura TICaaS.
IMPORTANTE
SPF indica que servidores están autorizados para enviar correo en nome dun dominio. Isto non significa que non se intenten enviar correos desde outros servidores, senón que un servidor de correo ben configurado non debería aceptar correos procedentes dun dominio non listado no rexistro SPF.